O pleno da corporación aprobou o convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra para as obras de “ensanche e mellora da seguridade viaira” na estrada provincial que une os Valos e Guizán, nun tramo duns 700 metros. O acordo saiu adiante cos votos de todos os grupos municipais agás o PP, que o rexeitou por facerse “pola porta de atrás e sen contar cos veciños”.
Carmen Amoedo denunciou “as présas” do goberno local por levar ao pleno as obras na estrada provincial que une Os Valos e Guizán. Reprochou ao bipartito que non informaran aos veciños, e que tampouco os técnicos deran conta aos aos residentes da zona das características dos traballos.
O concelleiro socialista Leonardo Cabaleiro rexeitou as críticas da voceira popular, advertiu que o proxecto “conta co aval dos técnicos da Deputación, e tamén do Concello”, e asegurou que houbo “varias reunións cos veciños”.
Para o nacionalista Xoán Carlos González o modelo urbanístico do proxecto é positvo, “xa que prioriza a seguridade dos peóns sobre os vehículos, e limitara velocidade a 30 Km/ hora”.
Desde a Agrupación de Electores apoiaron o convenio, ao tempo que advertiron que estarán “vixiantes” desde a concellería de Medio Ambiente para que as obras se fagan axustadas ao proxecto “e sen chapuzas” como os tramos anteriores. Roberto Villar
Trátase dun tramo duns 700 metros entre os puntos quilométricos 180 e 920, e as obras ascenden a uns 400.000 euros. Hai xa seis anos que a Deputación de Pontevedra reformou parte deste vial, a estrada do Galleiro, e as obras do tramo pendente realizaranse este ano, segundo o convenio aprobado. Na primeira das fases dotouse de beirarrúas ao vial, e nesta segunda está prevista a construción dunha senda peonil nunha das marxes da estrada provincial, que servirá tamén para a circulación de ciclistas. O acordo coa Deputación inclúe ademais a cesión ao Concello da avenida de San Telmo, na baixada a Arealonga en Chapela, e a rúa Catapeixe en Cesantes.