O Concello de Pazos de Borbén abriu de novo as súas portas para prestar atención de forma presencial aos veciños. O horario de acceso ao público segue a ser de 9.00 a 14.00 horas, e xestiónase cun sistema de citas para atender todas as solicitudes e xestións que se teñan que realizar de forma presencial.
Os veciños que necesiten realizar algún trámite serán recibidos na entrada do consistorio por un traballador que xestionará a súa solicitude, permitindo o seu paso á zona de rexistro ou concertándolle unha cita co servizo que necesite se o traballador non se atopa nunha quenda de traballo presencial. Ademais, sempre que sexa posible, orientarase aos veciños sobre como realizar dita xestión a través do servizo de atención telefónica municipal que seguirá vixente durante todo o período de alarma sanitaria. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, explicou que a continuación da atención pública de todos os servizos realizarase progresivamente “coincidindo co proceso de desescalada e extremando a precaución, con só unha persoa por oficina e mantendo sempre o distanciamento social nos postos de traballo”. Para iso, deseñouse un sistema de quendas para o persoal municipal nos que se establecen períodos alternos de teletraballo e asistencia presencial ata que aos poucos se vaia recuperando a normalidade nas xornadas laborais.Para levar a cabo esta reapertura o goberno local instalouvarias pantallas de protección nos postos de atención. Tamén se puxo en marcha un protocolo de acceso para protexer a veciños e traballadores, recoméndase o uso de máscaras e xel hidroalcohólico, e limítase o número de visitantes no interior das oficinas. Tamén é necesario seguir un circuíto fixado para cumprir as normas de distanciamento social. A tenente de alcalde, Eloisa Nogueira, pide á cidadanía que na medida do posible “sigan as recomendacións sanitarias e utilicen as consultas telemáticas”.