Redondela encara a primeira fin de semana de desescalada con rúas peonalizadas e beirarrúas de sentido único para evitar o risco de contaxio de coronavirus. A sinalización das beirarrúas comezaba hoxe e afectará ao tramo que vai dende o Convento ata Santa Mariña así como a rúa Ernestina Otero. Por outra banda, a partir deste sábado o centro da vila contará con máis espazo para peóns e terrazas, xa que se pechará o tráfico durante a fin de semana nas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. No caso de Chapela a peonalización afectará ao vial paralelo á praia de Arealonga.
A nova fase de confinamento que arrancaba este luns supuxo un maior número de persoas nas rúas coa apertura do pequeno comercio e tamén dalgúns locais de hostalaría. Establecementos como bares e restaurantes que previsiblemente se incrementarán coa chegada da fin de semana. Co obxecto de intentar reducir o risco de contaxio, dende o concello teñen xa en marcha novas medidas de aplicación inmediata.
O Concello decidiu establecer o sentido único nas beirarrúas do centro para ordenar a mobilidade dos peóns e hoxe mesmo os operarios traballaban no pintados das frechas que indicarán o sentido que deben seguir os viandantes.
A medida afectará ás rúas que comunican o Convento de Vilavella con Santa Mariña e que atravesan todo o casco urbano (Pai Crespo, José Regojo, Alfonso XII, Rúa Ribeira e Xeneral Rubín) así como a Ernestina otero, dende o paseo da Portela ata o Salgueiral.
Por outra banda, dende esta fin de semana está previsto que entre en vigor a peonalización do centro urbano durante os sábados e domingo. Unha medida que busca tamén facilitar a mobilidade segura dos veciños así como favorecer a instalación de terrazas nos locais de hostalaría.