A icónica imaxe de portada da Revista Nós decora dende esta fin de semana o cadro eléctrico instalado na Alameda de Castelao. Un “lavado de cara” a este elemento da paisaxe urbana de Redondela que busca render homenaxe a un grande referente na historia cultural de Galicia ao tempo que eliminar o feísmo de Redondela. A iniciativa xurde da colaboración entre a Concellaría de Cultura e colectivo Artelixo.
En colaboración co servizo eléctrico do Concello, dependente da Concellaría de Medio Ambiente, e o departamento de Normalización Lingüística, realizouse esta pequena intervención que supuxo un máis que evidente cambio neste cadro eléctrico coa colocación dunha reprodución en vinilo da icónica portada de Xullo de 1922. Un xeito de homenaxear o centenario da Creación da Revista Nós impulsada por un grupo de intelectuais nacionalistas como Vicente Risco, Castelao e Arturo Noguerol.