O concello de Redondela está a valorar as máis de cen propostas que se presentaron na “Mesa de Reactivación Local de Redondela” por parte dos colectivos alí representados: partidos políticos, asociación de empresarios ou confraría entre outros. Entre as máis salientables, ao entender da Concelleira de desenvolvemento local e emprego, María Castro, estaría a posibilidade de facilitar aos clientes tikets para o aparcamento ou a realización de pequenos eventos culturais que dinamicen o centro da vila. Tamén entende que é preciso formar ao comercio para que saiban poñer en valor os seus produtos.
Técnicos e políticos valoran as diferentes propostas que os colectivos participantes fixeron chegar a esta Mesa de Reactivación do comercio local e que busca retomar a actividades e favorecer que os veciños e veciñas fagan as súas compras nos comercios de proximidade. Ademais de garantir a seguridade sanitaria, son moitas as iniciativas que se puxeron sobre a mesa, ata superar as cen “aínda que moitas se repiten e outras xa se están a aplicar como o aprazamentos de impostos ou as axudas económicas directas”. Son medidas fiscais, medidas paliativas que se están a levar a cabo, pero “o que precisamos é un plan de choque que reactive o comercio local” explica María Castro.
Entre as medidas propostas polos propios comerciantes estaría a demanda de maior formación “formar ao comercio para que saiba poñer en valor o seu produto e facelo atractivo aos clientes, con cursos de escaparatismo, dixitalización…”.
Outras fórmulas que poderían servir para fidelizar ao clientes estarían as tradicionais promocións pero tamén as tarxetas monedeiro “o consumidor inviste 50 euros e o concello o agasalla con 5, o que favorecería que eses cartos se gastaran en Redondela”. Tamén seguir o exemplo dalgúns supermercados que entregan tikets para o aparcamentos por comprar superiores a unha determinada cantidade.
Agora, todas as propostas presentadas serán analizadas polo equipo de Goberno que valorará aspectos como a viabilidade técnica, o marco de competencias, a dotación orzamentaria e a non duplicidade con medidas similares postas en marcha por outras administracións.
Unha vez analizadas e valoradas, estas iniciativas definirán os diferentes programas e accións concretas que formarán parte do Plan de Reactivación Local de Redondela.