Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Sen alfombras nin Danza das espadas e as Penlas, o coronavirus obriga a suspender a Festa da Coca

RR_Noticias

Redondela non contará este ano coa tradicional festa da Coca que debía celebrarse en torno ao xoves do Corpus, día 11 de xuño. Non haberá nin alfombras florais nas rúas nin actos relixiosos “porque a actual situación non permite a celebración de actividades multitudinarias que poderían ser un risco para a saúde”. Dende Cultura animan á veciñanza a confeccionar, nos seus domicilios, alfombras florais para difundilas polas redes sociais.

O goberno local non quere deixar de celebrar esta data tan especial para os veciños de Redondela e, malia que se suspenda a celebración tradicional, anímase á veciñanza a participar doutro xeito recuperando a idea dos Maios confinados.
A proposta da Concellería de cultura é difundir polas redes sociais as imaxes que lles fagan chegar os veciños das alfombras florais confeccionadas nos seus domicilios “conseguindo unha Festa da Coca diferente, pero ao mesmo tempo, participativa como corresponde a unha celebración que é patrimonio de todos e todas”.
Doutra banda, o Concello tamén poñerá en marcha “iniciativas sorpresa” de cara a darlle unha maior difusión a unha festa na que, adianta o Goberno local, “non faltará a música, porque a Banda si poderá facer os seus tradicionais pasarrúas mantendo as medidas de seguridade que impón a actual situación sanitaria”.
A decisión de suspender as celebracións tradicionais adoptouse nunha xuntanza telemática na que estiveron presentes ademais da alcaldesa, Digna Rivas, o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, a concelleira de Eventos, Marta Alonso, así como representantes dos colectivos que fan posible a Festa da Coca: as “burras”, danza das espadas e alfombristas, amais do cura párroco de Redondela.
Unha reunión na que de xeito unánime se chegou a conclusión de que era imposible celebrar a Coca como se viña facendo tradicionalmente dado que tanto as procesións como a confección de alfombras ou a danza das espadas “constitúen actividades multitudinarias non permitidas pola actual situación sanitaria e que, en todo caso, serían un risco evidente para a saúde”.
Os edís Marta Alonso e Daniel Boullosa, adiantaron tamén que, en colaboración coas “burras”, danza das espadas e alfombristas, estase a confeccionar un vídeo “no que se recolle, polo miúdo, todo o conxunto de actividades que forman parte da Festa da Coca e que a fan única”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará