A Concellería de Medio Ambiente aínda non ten nada decidido sobre como será o acceso aos areais de Cesantes, Chapela e Rande. Están á espera de que lle cheguen as directrices marcadas pola Xunta de Galicia para tomar algunha decisión e estudar os protocolos de cara a abrir a tempada de praias. En todo caso descartan o sistema de “parcelación” que si están valorando noutras localidades costeiras. Mentres a cidadanía amosa a súa incerteza de cómo vai ser este verán que xa se fai sentir no meteorolóxico, dende a Policía Local lembran que polo de agora está prohibido o uso das praias polos bañistas á espera de que entre en vigor a segunda fase da desescalada, previsiblemente o 25 de maio.
Son moitos os que nestes últimos días se achegan a praia de Cesantes a pasear. Tamén os deportistas federados poden facer uso das súas augas. Non así os bañistas, que aló menos terán que esperar ata o vindeiro luns para poder tombarse nos areais. En todo caso, aínda está por determinar en que condicións se poderá ir ás praias.
O anuncio da Xunta no que adiantan que o acceso ás praias se regulará mediante cita previa por Internet e a través de códigos QR e que haberá un cupo máximo por areal está a xerar moita incerteza. De feito, na xornada de hoxe foron moitos os que chamaron ás dependencias da Policía Local para informarse sobre esta cuestións. Con todo, o único certo que se sabe a día de hoxe é que aínda non é posible facer uso das praias.
Dende Medio Ambiente valoran diferentes medidas como colocar carteis informativos ou incrementar o número de baños portáltiles no areal de Cesantes, tamén saben que se pecharán fontes e duchas pero aínda non teñen nada decidido en cando o aforo e o xeito de controlar o acceso aos areais. Están pendentes das directrices que marque a Xunta e as autoridade sanitarias para adoptar medidas concretas.