Reclaman abrir as súas portas de xeito inmediato ante o deterioro metal e físico que están a sufrir os seus usuarios neste confinamento. Sen data fixa para o regreso á actividade, a Plataforma de Centros de Día traballa coa Xunta na elaboración de protocolos para que a reapertura sexa segura tanto para os usuarios como para os profesionais. Para iso, apostan por un regreso gradual, con protocolos de actuación tanto no transporte, como nos centros e actividades. Ademais da medición de temperatura e probas PCR para todos.
“Non hai ningún criterio técnico que non avale a reapertura dos centros de día en Galicia”. Así o asegura o director do Centro Os Cortizos, de Redondela, membro da plataforma que reúne ao sector na nosa comunidade. Os profesionais esixen a reapertura dos centros porque o confinamento está a afectar gravemente aos usuarios, persoas maiores en boa parte con problemas cognitivos e de mobilidade. Unha situación que se agudizou coa desescalada e á volta ao traballo dos seus familiares. Pedro López advirte que agora están indefensos, “máis sós, máis desatendidos e máis desprotexidos”.
Malia que dende o comezo da fase 1, o goberno posibilitaba reabrir estes centros, en Galicia a Xunta decidiu adialo polo momento. A plataforma negocia agora o regreso á actividade, para o cal aínda non hai data concreta, pero aseguran que debe ser inmediato, e que a administración autonómica debe establecer un protocolo igual para todos os centros que lle dea garantías de seguridade aos usuarios e familiares.
Entre as medidas que propón o sector, está a realización de medicións térmicas a usuarios e profesionais, probas PCR para evitar posibles positivos en coronavirus e suprimir as visitas nas primeiras fases da apertura. Tamén piden protocolos de actuación para o transporte con seguridade dos usuarios así como as medias a adoptar nas propias instalacións e na realización das actividades.
Os centros, segundo explica López Cadilla, tamén apostan porque ese regreso sexa gradual en función duns criterios nos que se avaliaría as necesidades de cada usuario segundo os ingresos, o estado físico, cognitivo e a rede de apoio.