O reparto deste material de protección para os menores comezará mañá venres “casa por casa”. As máscaras infantís son dun tamaño máis reducido, con dúas tallas segundo a idade dos rapaces. Son lavables e reutilizables. En Redondela Correos reparte máis de 15.000 máscaras aos veciños do centro da vila e Chapela.
O Concello de Pazos de Borbén adquiriu unha partida de máscaras infantís para entregar unha a todos os nenos e nenas do municipio. Trátase de material homologado, con tripla capa de protección, reutilizables e están dispoñibles en dúas tallas segundo a idade do pequeno. O reparto dará comezo mañá venres e, tal e como se fixo coas máscaras e pantallas para os adultos, realizarase casa por casa “para garantir que todas as vivendas reciben as unidades necesarias”. Os veciños que non se atopen nos seus domicilios durante o reparto poderán solicitar o material a través do teléfono do Concello, no número 986 49 70 35, e concertar a entrega. Estas máscaras infantís son dun tamaño máis reducido para mellorar a fixación á faciana dos pequenos. Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias que desaconsellan o seu uso en menores de dous anos, distribuiranse dous modelos, un para nenos de 3 a 7 anos, e outro para os de 8 a 13 anos de idade. O material pode desinfectarse cun lavado a máis de 60º con auga e xabón ou con osíxeno activo, o que permite usalas a diario. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, explicou que este novo reparto supón unha pequena axuda para os veciños xa que desde o consistorio son conscientes do elevado gasto que supón para as familias a compra de material de protección ante o Covid-19. “Ao final, entre luvas, mascarillas, xeles e demais, a factura en material de protección pódese facer moi grande para determinadas familias. Por iso, aínda que é moi probable que o reparto non remate antes do domingo, é importante que os veciños saiban que van dispoñer delas e, se queren, poidan aforrar eses cartos”.
Correos reparte máis de 15.000 máscaras aos veciños de Redondela e Chapela
A empresa postal colabora co Concello para entregar as máscaras cirúrxicas homologadas en máis de 4.800 domicilios do centro de Redondela e Chapela. A entrega deste material xa se realizou nas outras parroquias do municipio a través dos voluntarios de Protección civil, para asegurar que todos os veciños censados no Concello dispoñen de protección.