Unha reivindicación que fan día a día pero que se intensifica neste 10 de Outubro, día no que esta data se conmemora a nivel mundial. Nun ano especialmente complicado para celebrar calquera acto público deciden trasladar a través das redes e a través desta emisora unha mensaxe na que lembran o lema elixido este 2020 para conmemorar esta data “Saúde mental e benestar, unha prioridade global”.
Ter saúde mental é un principio esencial para o noso benestar, así arranca unha mensaxe na que interveñen diferentes usuarios da Asociación Lenda, todo un referente no noso concello na atención a este tipo de patoloxías.
“A saúde mental é unha prioridade global, porque afecta a todas as persoas de mundo” con esta reflexión inciden na necesidade dun acceso universal e equitativo aos servizos de coidado e prevención da saúde mental. Unha reivindicación histórica pero que se fai máis necesaria e urxente ca nunca trala crise do Covid-19.