Os últimos datos achegados pola Consellería de Sanidade, a través da páxina do Sergas, sitúan ao noso concello en nivel laranxa tras sumarse novos positivos en Redondela. Estariamos polo tanto nun baremo de entre 14 e 21 casos confirmados nos últimos sete días, o que supón subir un chanzo nese mapa epidemiolóxico que ata o de agora mantiña ao noso municipio como un dos menos afectados da área sanitaria viguesa. En alerta 1 mantense Soutomaior (entre 7 e 14 casos na última semana) mentres que Pazos de Borbén e Fornelos seguirían no nivel máis baixo de contaxios.
O crecemento do coronavirus na área de Vigo xa facía temer aos responsables municipais que a situación empeorase no noso concello, motivo que os levaba na xornada de onte a decretar novas medidas entre as que se atopa a suspensión dos actos culturais programados para as próximas xornadas.
A incidencia en todas a área de Vigo tense duplicado en só unha semana, o que fai temer un crecemento sen control. O mapa de cores da Xunta marca catro municipios en nivel vermello: Cangas, Nigrán, Salvaterra e Tui. Mellora a situación de O Porriño, que baixa á alerta laranxa, mesma na que se atopan Gondomar, Mos, Vigo e Redondela, que escalaba así un novo chanzo nas últimas horas. Ponteareas e Soutomaior mantéñense en alerta amarela, mentres que o resto dos concellos consiguen polo de agora situarse no nivel máis baixo de risco.