O Concello de Soutomaior vén de habilitar unha nova oficina no edificio Multiusos de Arcade para ampliar e reforzar a cobertura dos Servizos Sociais municipais. O obxectivo é achegar todo o posible este servizo á cidadanía durante a actual pandemia sanitaria, que está a provocar un significativo aumento das solicitudes de axudas sociais de emerxencia.
Segundo indicou a edil de Servizos Sociais, Cristina González, esta nova oficina servirá para que aqueles veciños que non dispoñen de vehículo ou non poden desprazarse até o Concello poidan recibir de primeira man toda a información e axuda necesaria para realizar os trámites oportunos. “Nestes momentos é fundamental achegar todo o posible este servizo á cidadanía para que ninguén quede atrás”.
A nova oficina, que se suma á xa existente na Casa do Concello, xa se atopa en servizo e atenderá a todos os veciños que o necesiten os mércores en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Do mesmo xeito, a edil indicou que esta oficina prestará servizo durante todo o período de alerta sanitaria e que este período se poderá ampliar en función das necesidades da poboación.