A Asociación de Veciños de Chapela presentou un recurso de reposición contra a Resolución do Xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia-Sur de Augas de Galicia, pola que se lles cobraron 36 euros en concepto de “Limpeza e poda para a futura liña verde Vigo-Chapela no Barrio da Igrexa”. Alegan cuestións de forma e insisten en que o traballo dos voluntarios que participaron na limpeza a finais do mes de setembro consistiu na retirada de residuos do Rego Maceiras e que non se realizou ningún tipo de poda.
O colectivo veciñal xa anunciara a súa intención de reclamar a devolución unha taxa que malia ser simbólica, xa que a cantidade ascende a 36 euros, consideraban completamente inxusta chegando a cualificar de “inaudito” que dende o organismo da Xunta lles fixeran abonar esa factura por realizar un traballo que debería ser responsabilidade da propia Augas de Galicia.
Na súa reclamación lembran que a Asociación de Veciños de Chapela é unha entidade sen ánimo de lucro, que realizou de forma altruísta e sen ningún financiamento, unhas tarefas de limpeza de residuos que son de interese xeral e supoñen un ben común “polo que non procede impoñer unha taxa, que funciona de facto como unha penalización”.
Unha taxa que insisten é “especialmente improcedente dado que Augas de Galicia é perfectamente coñecedora da grave situación de degradación dos regatos existentes na parroquia de Chapela (Pugariño, Maceiras e Fondón)”. De feito lembran que durante os últimos tres anos, comunicáronse ata sete actividades de limpeza nestes cauces e se mantiveron reunións presenciais na propia delegación territorial de Vigo para dar a coñecer esta problemática situación de contaminación dos referidos ríos. Unha gran acumulación de residuos que supoñen tamén “un problema de saúde pública, pois dous destes regatos desembocan na praia de Arealonga”.
Malia todo Augas de Galicia non realizou ningunha actividade para retirar estes residuos contaminantes e, cando o fan os propios veciños de xeito voluntario se lles cobra unha taxa.