A empresa conserveira volvía ao traballo menos dunha semana despois de que a Xunta de Galicia decretara a prohibición temporal de entrada de materia prima na planta ata a instalación dos novos equipos que eliminaran os cheiros. Con todo, logo de que onte os veciños alertaran da entrada de camións en Aucosa, e canto a policía procedía a levantar o preceptivo informe do incumprimento, o director de Aucosa amosaba o documento da Consellería de Medio Ambiente dando conta do levantamento da prohibición .
Hai tan só unha semana a Dirección Xeral de Medio Ambiente solicitaba a colaboración do Concello para garantir que se cumpriran as medidas provisionais que decretaban a prohibición de que entrara materia prima nesta fábrica de elaboración de fariñas de peixe. No mediodía de onte veciños da zona alertaban da chegada de varios camións cargados de mercancía polo que chamaban tanto ao Concello como a Policía.
Unha vez no lugar, dende a dirección da planta comunicábaselles que contaban con todos os permisos para continuar coa súa actividade. Neste sentido amosaban a documentación correspondente na que se establece o levantamento da prohibición restrinxindo, iso si, a chegada de materia prima a “cantidade imprescindible para non provocar situacións de colapso nas súas empresas subministradoras” e establecendo que o trasporte e ingreso deste material nas instalacións deberá facerse en contenedores estancos e quedando totalmente prohibido o seu almacenamento a intemperie.
Unha autorización que collía por sorpresa aos responsables municipais, quen descoñecían eses cambio nas medidas provisionais decretadas pola Xunta.