A Concelleira de economía, facenda e comercio, María Castro así o confirmou no transcurso do debate plenario no que se aprobou a derrogación das taxas para as terrazas dos locais de hostalaría, Unha medida que busca axudar a un sector que atravesa unha complicada situación por mor da pandemia e o peche dos seus establecementos. Ante as críticas da oposición que recriminaron ao goberno “chegar tarde e con medidas que non son suficientes”, Castro adiantou que aos 60.000 euros en axudas directas que se destinan ao comenciantes engadirase agora outra axuda tamén directa para os hostaleiros cun importe global en torno aos 20.000 euros.
Explicaba a edil na súa intervención que a derrogación da taxa por ocupación da vía pública é moi necesaria mentres dure a situación de crise económica. Estiman que esta suspensión temporal do imposto suporá para o concello deixar de ingresar uns 7.000 euros, cantidade que non é en calquera caso un factor de desestabilización para as arcas municipais.
A proposta contou co apoio de todos os grupos da corporación, quen aproveitaron o debate para criticar que as medidas comprometidas polo goberno no inicio da pandemia non estean a chegar a cidadanía. Neste sentido aseguraba o edil do BNG, Xoán Carlos González que “hai malestar por parte de moitos comerciantes. Queixas en canto ao complexo do procedemento polo que demandan que se simplifique o acceso a ditas axudas, e queixas por non ter recibido aínda ningunha das subvencións prometidas. Con todo, os nacionalistas tamén puxeron o acento na Xunta de Galicia que “abandonou aos galegos e galegas a súa sorte dende o inicio da pandemia, cando é o goberno galego quen ten os cartos e quen xestiona a maior parte dos impostos e taxas”.
Os populares insistían pola súa banda en criticar que a Comisión de Reactivación e a mesa do Comercio non estea a funcionar e a súa voceira, Carmen Amoedo falaba de “ineficacia do goberno cando seis meses despois de anunciar as axudas aínda non se fixeron efectivas”.
Dende AER, Susana Couñado afirmaba que o concello está a facer un enorme esforzo asumindo competencias que debería financiar a Xunta “todas as partidas que se aforraron das actividades que deixaron de organizarse están financiando os protocolos anti covid”.
Rexeitaba tamén as críticas da oposición a concelleira de facenda, lembrando as actividades que xa están en marcha como a campaña de comunicación que se lanzará en breve para promocionar o comercio local nestas datas de Nadal ou as axudas directas a hostalaría que se sumarán ás que xa están en trámite para o comercio.