Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O C.R. Chapela comeza a temporada cunha participación histórica

remo

A Federación de Remo puxo en marcha o calendario para a temporada 2021, e a Liga Galega de Traiñeiras contará cunha alta participación. Redondela competirá con tres embarcacións, o Club de Remo de Chapela na LG-B e na Liga feminina e o Club de Remo de Cesantes na LG-A. Ademais a entidade de Chapela conta con moitos remeiros nas categorías inferiores, batendo marcas. Son máis de 80 os deportistas masculinos e femininos nas categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil, ademais de incrementar as fichas nas categorías absolutas. Superan así a marca de anos anteriores, cun total de máis de 150 deportistas, superando con moito os 130 da pasada temporada. O presidente do club, Julio Prado, afirma que están moi contentos por este incremento de remeiros, o que lles vai permitir por primeira vez participar na temporada de bateis en todas as categorías existentes, un total de dez, “o que supón todo un fito para o remo de Redondela e o remo galego”.

A temporada de bateis comezará na provincia o próximo 20 de febreiro, e no club levan xa todo o inverno adestrando. “O traballo faise sobre todo no mar, e respectando todos os protocolos Covid”, explica Prado. O feito de tratarse dun deporte ao aire libre, onde ademais non existe contacto entre os remeiros, animou a moitos rapaces a optar por esta disciplina. De feiro foron un dos poucos deportes que puideron rematar a súa temporada o ano pasado, en plena pandemia. Sinala o presidente que o 2020 foi un ano “complicado”, no que tiveron que adaptarse aos novos protocolos, con moitas esixencias hixiénico-sanitarias, pero grazas ao compromiso das Federacións e os clubs “fumos capaces de rematar a temporada”. Confía en que este ano, se a situación sanitaria o permite, poidan disputar con normalidade todo o calendario.

VI Memorial Pepe o Ruso

Este domingo, día 17, as traiñeiras teñen unha primeira cita de pretemporada. Estréanse co VI Memorial Pepe o Ruso en Bueu. O club de Chapela participará na proba cun total de catro embarcacións, dúas masculinas e dúas femininas. O CR Cesantes participará tamén con dous barcos, o masculino sénior e o de veteranos. A regata contrarreloxo Vila de Bueu comezará ás 11.30 horas, organizada polo Club do Mar Bueu.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará