Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP demanda ao Concello que solicite as axudas laborais para mulleres vítimas de violencia

SandraBastos

O pasado 11 de xaneiro publicáronse as axudas da Xunta de Galicia que permiten aos Concellos contratar durante un ano a mulleres vítimas de violencia machista para labores en obras ou servizos de carácter social. No caso de Redondela permitiría contratar a catro mulleres demandantes de emprego que sufrisen agresións machistas. O grupo municipal do PP pídelle ao goberno local “que non renuncie a solicitar, por terceira vez, estas axudas, que facilitan ás mulleres vítimas de violencia machista a posibilidade de integrarse no mercado laboral”. A concelleira popular, Sandra Bastos, sinala que estas contratacións son necesarias para que estas mulleres “ademais de recibir axudas directas , teñan a posibilidade de incorporarse ao mercado laboral e recuperar a súa autonomía e independencia económica”. Desde o PP lamentan que nas últimas convocatorias destas axudas, o Goberno local “ou ben non presentou solicitude algunha, ou ben o fixo a piques de rematar o prazo”. Explican os populares que, tendo en conta que as solicitudes se atenden por orde de chegada, “o atraso do Concello equivale a quedar sen opcións reais de beneficiarse destas axudas”. Segundo datos da Subdelegación do Goberno en Redondela existen actualmente 41 casos activos de violencia de xénero.

Suspensión do Consello Municipal da Muller

Ante a suspensión do Consello Municipal da Muller por mor da situación sanitaria, Bastos remitiu un escrito ao Concello no que demanda que celebre de xeito telemático. A edil popular sinala que a pandemia “non pode servir de escusa” para deixar sen actividade este órgano municipal. O Consello debería terse celebrado o pasado luns, 1 de febreiro, para abordar as actividades de cara ao próximo 8 de marzo, día da Muller. A concelleira popular advirte que non se poden “paralizar” este tipo de actividades “tan necesarias para axudar aos colectivos de mulleres das diferentes parroquias”. Insta ao Concello a buscar “alternativas” para seguir en contacto a través das diferentes plataformas dixitais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará