Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Xunta modifica a lei e anula a taxa por limpar o río Maceiras

LimpezaChapela

Na xornada de limpeza os veciños retiraron todo tipo de lixo do río Maceiras

Grazas á mobilización da Asociación de Veciños de Chapela, as asociacións e colectivos sen ánimo de lucro quedan exentas de pagar a taxa que cobra a Xunta de Galicia por traballos de mantemento nos ríos. A polémica xurdiu en setembro do ano pasado, despois dunha limpeza no río Maceiras organizada polo colectivo veciñal. Para sorpresa da asociación, despois desta xornada de voluntariado, Augas de Galicia reclamoulles unha taxa de 36 euros. Malia tratarse dunha cantidade “simbólica”, o presidente da asociación amosou o seu malestar ante o que consideran “un insulto”. Marcial Pérez denuncia que este organismo dependente da Xunta “en lugar de facer o seu traballo de manter limpos os ríos e colaborar nas campañas, cobra aos voluntarios por retirar o lixo do Maceiras”.

Marcial Pérez, presidente da Asociación de Veciños de Chapela

Meses despois, e grazas á reclamación feita pola asociación de Chapela, o goberno galego rectifica e ordena a exención deste tipo de taxas “para entidades ou asociacións sen ánimo de lucro que realicen actuacións voluntarias de mantemento e conservación dos dominio público hidráulico”. Esta modificación foi incluída no proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas deste ano.

Os veciños coñeceron esta rectificación grazas á colaboración do BNG, que se comprometeu a apoialos na súa reivindicación. A deputada por Pontevedra Alexandra Fernández presentou unha pregunta no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión, e a resposta agora dálles a razón ao ordenar o goberno galego a retirada destas taxas para as asociacións.

Pérez agarda agora que lles devolvan os 36 euros que pagaron, e confía en que este cambio na lexislación anime a outros colectivos e asociacións a realizar actividades deste tipo. Asegura que “a concienciación da sociedade é fundamental” para preservar o medio ambiente e mellorar a nosa contorna. Ao mesmo tempo demanda “máis colaboración” das diferentes administracións públicas para que os apoien nestas iniciativas.

Desde a asociación veciñal explican que, malia a actual situación de pandemia, tentarán seguir traballando a prol da mellora do Medio Ambiente. Na última xornada de limpeza retiraron do río Maceiras todo tipo de residuos, desde envases de plástico e vidro ata chatarra, baterías, electrodomésticos, pneumáticos e mesmo a porta dun coche. Lamentan que as canles dos ríos utilizáronse como vertedoiros durante décadas, e que agora é preciso reverter este proceso “para poñer en valor estes espazos naturais”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará