Cun orzamento de case 34.000 euros a Xunta de Galicia realizou un novo parque infantil na rúa das Escolas, en substitución do principal parque do municipio que se veu afectado polas obras de remodelación neste espazo. A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a nova infraestrutura financiada polo Goberno galego. Deste xeito, o Concello mantén a súa principal infraestrutura de lecer infantil, tralos traballos de demolición e a retirada dos elementos interiores. Colocouse novo pavimento e novos xogos como randeeiras, un tobogán, un saltador ou unha zona de escalada. Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración entre administracións para mellorar os servizos municipais e impulsar iniciativas que dean resposta ás necesidades de cada concello e repercutan na mellora da calidade de vida dos cidadáns. Neste caso, a cooperación entre a Xunta e o concello permite contar cun espazo dedicado ao ocio infantil e convivencia para o desfrute das familias e contribuír así a fomentar o impulso demográfico.