A Biblioteca Municipal de Pazos de Borbén organiza para os escolares varias sesións de maxia para conmemorar o Día Mundial do Teatro, que se celebra o 27 de marzo. Fano co espectáculo “A hora máxica” no que a través da plataforma Zoom varios magos de diferentes puntos da xeografía española farán as delicias dos nenos e nenas cos seus xogos. O Mago Paco, Marcos Ortega, Mago Puk, Guillermo Avilés e o mago Julianini serán os encargados deste certame cun espectáculo “seguro, divertido, participativo e sorprendente”. Haberá tres sesións. A primeira celébrase hoxe para o alumnado de Infantil do colexio Curros Enríquez e Pazos e a EEI A Galeriña de Nespereira. O seguinte espectáculo será o xoves, 18 de marzo, ás 13.00 para os escolares de 1º a 3º do CPI de Pazos. Por último, o venres 26 de marzo serán os alumnos de 4º a 6º do Curros Enríquez os destinatarios do certame de maxia. Tamén están convidados a participar nas sesións os usuarios e usuarias da Asociación ASPAVI. A inscrición pode facerse no teléfono 986 497 273.