Tanto na Terceira División co equipo sénior, como na División de Honra Xuvenil, o club redondelán traballa para garantir a consolidación do seu proxecto futbolístico. No caso do conxunto de “Gonza”
a cita desta domingo ante o Pontellas será crucial. O Choco recibe en Santa Mariña ao equipo porriñés e un triunfo sería o garante do 6º posto, co que evitaría xogar a fase de permanencia. O presidente do club, Iván Crespo, confía en acadar un resultado positivo co apoio dos seus seareiros, xa que ata 300 afeccionados poderán seguir o encontro desde as gradas.
O conxunto xuvenil de División de Honra, que foi superado polo Calasanz, comezará a segunda fase a catro puntos da salvación. Xogarase unha liga a unha única volta con cinco partidos, e só dous equipos do outro grupo están por baixo deles, o Roces e o Tropezón. Falta saber cando será o sorteo e o inicio da fase. Crespo advirte que “non será doado, pero tampouco imposible” e confía na calidade do equipo para facer un bo traballo nas cinco finais que restan.
En canto ás categorías inferiores, salientar que os equipos Cadete A e Infantil A comezan esta fin de semana a Liga Autonómica, tal como acordaron clubs e federación. Desde o club agardan que a competición poida xogarse con normalidade “dentro das normas e restricións adoptadas pola pandemia” e auguran un bo papel da canteira choqueira.
No resto de categorías inferiores está previsto que arranque tamén a competición no mes de abril, co uso obrigatorio de máscara durante os encontros e un descanso en cada tempo para que os nenos poidan descansar e refrescarse. “Todos están desexando volver a xogar despois dun ano de parón obrigado pola pandemia”, explica Crespo, quen se amosa moi orgulloso “polo exemplo de responsabilidade que están a demostrar os rapaces cumprindo todas as normas”.