O Concello de Soutomaior ten as súas praias preparadas para esta semana Santa cunha gran novidade, a inclusión de dous dos areais máis visitados do municipio na Rede Galega de praias sen fume. Unha iniciativa do Sergas para promover unha vida sen tabaco que conta xa cun total de 162 areais en 66 municipios galegos. Nestes espazos está prohibido fumar, pero non existe vixilancia nin sanción por se alguén decide facelo “xa que a iniciativa ten carácter educativo e o seu obxectivo é a sensibilización social”, explican desde o Concello. O alcalde, Agustín Reguera, apela “á responsabilidade persoal e social de cada veciño” recalcando a importancia de evitar as condutas nocivas das persoas adultas ante os máis pequenos. A iniciativa quere “desnormalizar” o consumo de tabaco nun ambiente tan familiar como a praia, “pero non a través do castigo e a penalización, senón da conciencia cívica das persoas”. Reguera di estar convencido de que acabará sendo “un éxito e un exemplo máis do bo comportamento e responsabilidade social dos veciños”.
Campaña de limpeza
Ademais da inclusión das praias do Peirao e Matilde nesta rede, durante as últimas semanas o Concello estivo traballando no mantemento dos catro principais areais do municipio ante a chegada das vacacións de Semana Santa. Cunha campaña de limpeza manual, operarios do Concello de Soutomaior retiraron a pasada semana os restos e sedimentos depositados polo mar durante o inverno. Principalmente residuos como artes de pesca rotas, latas, bolsas e gran cantidade de restos vexetais como algas e anacos de madeira. Na canle do río Verdugo, onde se asentan as praias fluviais da Xunqueira e Veiguiña Longa, a brigada municipal recolleu do material orgánico arrastrado polo río durante as intensas choivas dos últimos meses e que impedía o pleno gozar da contorna.