O pleno extraordinario celebrado onte aprobou adhesión de Redondela ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e as Deputacións provinciais para a creación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). O servizo, con base compartida en Redondela e Mos, realizará tarefas de emerxencias e prevención e loita contra incendios, e actuará tamén nas incidencias que se rexistren nos municipios de Soutomaior. O acordo aprobouse cos votos favorables do PP e o PSOE, e coa oposición dos concelleiros do BNG e de AER, socios de goberno do PSOE. Roberto Villar, voceiro de AER, lembrou que os técnicos do Concello fixeron un informe “desfavorable” deste convenio, ao entender que resulta “lesivo” para os intereses de Redondela “xa que o Concello ten que poñer recursos e cartos propios para un servizo que non é de competencia municipal”. Por outra banda, cuestionou tamén o gasto que vai supoñer “atender incidencias que se dean en Pazos ou Soutomaior, sen que estes municipios poñan cartos”. Recriminou tanto aos socios de goberno do PSOE como ao PP que apoien o acordo “por imposicións do seu partido sen ter en conta os intereses dos veciños de Redondela”. Afirmou que AER non está en contra do GES, pero advirte que debe ser financiado integramente pola Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
A concelleira socialista Marta Alonso foi a encargada de defender o convenio, se ben recoñeceu que “non é ideal nin perfecto”. Con todo, sinalou que é necesario “para mellorar o servizo de emerxencias en Redondela”.
Desde o BNG rexeitaron tamén o convenio. Xoán Carlos González sinalou que a achega económica será duns 160.000 euros “que é asumible” para o Concello de Redondela. Pero advertiu que as condicións do acordo fan que o municipio saia “prexudicado” con respecto a Mos “xa que as dúas bases terán o mesmo número de efectivos cando o municipio redondelán ten moita máis poboación”. A proposta do Bloque é a de mellorar o actual Servizo de Emerxencias Municipal (SEIS).
O convenio saíu adiante cos votos de PP e PSOE, o que non impediu o cruce de acusacións entre os dous grupos municipais. Carmen Amoedo, voceira popular, criticou ao executivo local “porque en dous anos de goberno non fixeron nada para mellorar o servizo de emerxencias” e tamén por aprobar este acordo “fóra de prazo”.
Alonso rexeitou as críticas de Amoedo lembrándolle que nos oito anos de goberno dos populares coa alcaldía de Javier Bas “tampouco fixeron nada por mellorar o servizo de emerxencias”.
Protesta dos sindicatos
Ao pleno, celebrado onte no auditorio da Xunqueira, asistiron representantes sindicais dos traballadores do Concello para amosar o seu rexeitamento a este acordo. CSIF, CIG e UXT denuncian “a falta de información” sobre a situación na que quedarán os tres traballadores do SEIS xa que, ao seu entender “vailles afectar negativamente”.
O novo GES, que deberá comezar a operar en xuño, contará con 6 operarios na base de Redondela e outros 6 en Mos.