“Uma”, así se chama a convidada especial que onte compartiu aula co alumnado da EI de Romariz. Trátase dunha cadela Golden Retriever que visitou aos rapaces dentro do programa xuvenil de intervención social nos centros educativos organizado polo Concello de Soutomaior. A iniciativa busca, mediante a axuda dos animais, mellorar as capacidades sensitivas e motoras dos alumnos.
Dado que o can non fala o mesmo linguaxe que eles, os nenos necesitan usar medios como a linguaxe corporal para entenderse. Unha acción coa que os profesionais buscan que o neno empatice co can e cre un vínculo con el para comprender como sente. Desta maneira preténdese mellorar a capacidade motora do neno á vez que se potencian as súas habilidades de relación e expresión. Calidades que mellorarán as relacións interpersoais do neno durante toda a súa vida.
Segundo indican desde a empresa organizadora destes talleres, a relación cos cans incrementa os niveis de oxitocina nas persoas. Unha hormona que axuda a diminuír a tensión, combater os efectos da depresión e mellora a construción de relacións de confianza. A edil de Igualdade, Cristina González, cualificou a iniciativa como “novidosa e práctica”. Sinalou que é un acerto “apostar polos animais na educación porque conectan cos nenos dunha maneira moi especial e axúdannos a inculcar valores moi positivos “.