As farmacias convértense de novo nunha peza fundamental para dar a batalla fronte á pandemia cun cribado masivo para nenos e adolescentes de entre 12 e 17 anos. O obxectivo é detectar casos da enfermidade entre a poboación asintomática, neste caso entre os mozos. Colexios e institutos fomentan que o alumnado nesta franxa de idade acuda ás farmacias para solicitar a proba, que se fai cunha recollida de saliva. Andrea Domínguez, farmacéutica en Redonela, anima tamén ás familias para que os menores se sometan á proba. Está dirixida a aqueles rapaces que non teñan síntomas, que non tiveran un resultado positivo en coronavirus nos últimos tres meses, nin ser contacto de seguimento de COVID-19, entre outros. Trátase dunha proba voluntaria e gratuíta que deberán solicitar os proxenitores ou titores se o menor ten menos de 16 anos.
Na farmacia daranlle un tubo que leva un código de barras. A mostra deberase recoller á primeira hora da mañá, antes de almorzar e de lavar os dentes. Hai que entregala na farmacia antes das 10.30 horas. O farmacéutico será o encargado de recoller a mostra e rexistrala no sistema. Os resultados obtéñense ao cabo de 24 a 48 horas. Estas probas, que son gratuítas, están a ter moi boa acollida entre a poboación. Nos primeiros días realizáronse 5.000 test, entre os que se detectaron 8 positivos de Covid asintomáticos “o que permitiu illalos e frear o contaxio”, explica Andrea Domínguez
Case 400 farmacias da provincia de Pontevedra participan neste programa de test a adolescentes, unha ducia delas na comarca de Redondela. A poboación diana na provincia son uns 52.000 menores nesta franxa de idade, e a duración da campaña dependerá da demanda. Nos cribados anteriores feitos nas farmacias con estes tests de saliva arredor de 41.000 persoas con idades entre os 41 e os 64 anos solicitaron esta proba, coa que se detectaron un total de 76 positivos que non tiñan síntomas.
Estas son as farmacias da comarca onde pode solicitarse a proba
Redondela:
Andrea C. Domínguez, rúa Xeneral Rubín, 27
Manuela Giménez de Azcárate, rúa Ribeira, 4
María Concepción Verde, estrada de Cedeira, 14
María Soledad González, na estrada de Pazos, Reboreda
Ana Isabel Escudero, Avda. de Redondela; Chapela
Marina Huarte, Avda. de Vigo, Chapela
María Dolores Pereiro, Subida a Mouriño, Chapela
Soutomaior:
Eugenia Presas, Avda. José Solla, 3
Begoña Viana, rúa Alexandre Bóveda, 9
Francisco Javier Piñeiro, Avda. José Solla, 61
Pazos de Borbén:
María Luz Rodríguez, rúa Pazos, 26.
Fornelos de Montes:
Juan Cancela Ávila, praza da Igrexa, 14.