O Concello de Redondela pide á Xunta que aclare a súa postura respecto á apertura dos furanchos, xa que na orde do pasado 14 de abril, na que se establecen normas para o sector da hostalaría “non se establece ningunha medida en relación aos furanchos”. A alcaldesa, Digna Rivas, solicitou á Vicepresidencia da Xunta de Galicia información sobre as normas de seguridade sanitaria que deben regular a apertura destes establecementos tradicionais. Os propietarios de furanchos de Redondela que están rexistrados levan semanas realizando consultas ante o Concello sobre as condicións hixiénico-sanitarias que deben manter “sen que o Concello poida darlles resposta ante o silencio da Xunta de Galicia que é a administración que ten competencias nesta materia”, sinala Rivas. A alcaldesa lembra que a hostalaría “é un dos sectores máis duramente golpeados pola pandemia”, e actualmente están obrigados a limitar o aforo e outras medidas como a instalación de medidores de CO2. Advirte que se a Xunta non establece medidas igual de estritas para a abrir os furanchos “podería supoñer unha competencia desleal que carecería de toda lóxica, ademais dun claro risco sanitario”. A rexedora redondelá acusa á Xunta de poñerse “de perfil” e cando cando xorden problemas “desaparece deixando que sexan os Concellos os que teñan que enfrontarse a situacións para as que carecen de competencias, como é o caso dos furanchos”.