Desde que se inauguraron as instalacións da Escola de Música nos baixos do pavillón de Chapela o alumnado do centro duplicouse. Tamén as disciplinas que imparten foron ampliándose e diversificándose, con clases de linguaxe musical para diferentes niveis e máis dunha vintena de instrumentos. Actualmente a escola conta con 230 alumnos, con idades desde os 3 anos ata adultos de máis de 70 “porque a música non ten idade”. As instalacións quedaron pequenas para acoller todas as actividades. A falta de espazo “fai complicado seguir impartindo unha ensinanza de calidade en condicións óptimas, así como realizar ensaios dos diferentes grupos musicais e de cámara do centro”. Fernando Casas, vicepresidente da Asociación Cultural e Social de Chapela que xestiona o centro, explica que pola limitación de espazo “non poden atender as solicitudes de matrícula de novos alumnos” tanto da parroquia Chapela como de Trasmañó, Cedeira ou Cabeiro. Ademais os protocolos Covid agravan a situación, xa que obrigan a aumentar a distancia de seguridade entre alumnos.
A dirección da Escola de Música de Chapela reuniuse xa coas diferentes agrupacións políticas con representación no Concello de Redondela para explicarlles a situación. Ante a imposibilidade de ampliar as actuais instalacións nos baixos do pavillón, a alcaldesa de Redondela e o equipo de goberno comprometéronse “a buscar unha nova localización e estudar as propostas realizadas pola dirección da escola”. Casas prefire non desvelar polo de agora as alternativas propostas “por se non fosen viables”.
Casas lembra que a Escola de Música de Chapela, ademais de ofrecer un ensino de calidade á veciñanza, é tamén “un motor económico para Redondela, xa que desde a súa inauguración nas novas instalacións creáronse 26 postos de traballo, sobre todo de profesionais novos que accederon ao seu primeiro emprego”. De contar cunhas novas instalacións con máis espazo tamén poderían ampliar a oferta educativa coa creación da primeira Escola Oficial de Danza de Redondela “un proxecto xa pensado nos seus inicios e que non foi posible poñer en marcha por falta de aulas”.
De facerse efectivo o traslado da Escola de Música, as actuais instalacións poderían cederse a diferentes colectivos de Chapela, “o que resolvería o problema de falta de espazo que afecta ao resto de colectivos da parroquia”.