Os alumnos do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela viviron dúas xornadas de educación ambiental na praia de Arealonga. Un total de 149 rapaces gozaron de actividades educativas e de lecer organizadas polo Concello. Onte luns foron os alumnos de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria, e hoxe martes os de 3º a 6º. A concellería de Medio Ambiente preparou as actividades e dividiu a praia en cinco sectores, para manter os grupos burbulla do centro segundo o protocolo Covid. As xornadas consistiron na identificación dos residuos que aparecen na praia, como restos de madeira, vidros, plásticos e outro tipo de lixo. Os técnicos explicáronlle a procedencia dos diferentes tipos de residuos, e as causas polas que chegan a praia. Unha vez identificados, o alumnado foi o encargado de retirar o lixo da praia de maneira selectiva para o seu tratamento. Recolléronse gran cantidade de entullos, vidros e cabichas. A técnica de Educación Ambiental do Concello foi a encargada de impartir a actividade, xunto cunha alumna en prácticas do CIFP A Granxa e o Concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar. Desde o colexio valoran de xeito moi positivo estas xornadas. A xefa de estudos, Nerea Fernández, agradeceu a colaboración do Concello “xa que os rapaces viviron unha experiencia enriquecedora e todos quedamos moi contentos”. Fernández explica que as actividades inclúense no proxecto que o colexio traballa este ano sobre a saúde “e que inclúe tamén a saúde medio ambiental”. Por outra banda, o feito de poder realizar toda a xornada lectiva na praia ao aire libre “é tamén un agasallo para os alumnos, logo dun curso no que non puidemos realizar saídas pola Covid”, apunta a mestra.