Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un novo verquido en Rande leva aos veciños a esixir o peche de Aucosa

ManchaAucosa

Unha gran mancha aparecía na tarde de onte no litoral de Rande. Ao lugar desprazáronse equipos de Salvamento Marítimo, Gardacostas da Xunta e do Porto de Vigo. O verquido de orixe industrial, consistente en aceites ou graxas, era visible desde terra. Os veciños atribúen esta nova vertedura á actividade de Aucosa, a auxiliar conserveira de Cabanas que elabora fariñas e aceites de peixe. Mar Albá, voceira da comisión de veciños afectados, explica que a mancha contiña tamén “restos de peixe sólido” e que un dos mariñeiros que faenaban na zona constatou que o verquido procedía do emisario de Aucosa. Un emisario que “non debería existir, xa que Aucosa tiña a obriga de retiralo e verter na rede de saneamento municipal” advirte Albá.

Mar Albá é a voceira da comisión de veciños afectados pola actividade de Aucosa

A Plataforma en Defensa de Enseada de San Simón leva anos denunciando os verquidos e malos cheiros procedentes de Aucosa. Nunha manifestación celebrada o pasado día 8 esixiron a paralización da actividade desta fábrica polos seus incumprimentos da normativa ambiental. Colectivos veciñais, sociais, confrarías e as agrupacións políticas de BNG, PSdG e AER demandan á Xunta que revisar de oficio a Autorización Ambiental Integrada desta factoría “para non prorrogala”. O colectivo de afectados advirte que este último verquido “é motivo máis que suficiente para ordenar o cese da actividade de Aucosa, xa que non pode verquer á ría”. Piden o apoio do Concello de Redondela para esixir o peche da empresa e o seu traslado a un polígono industrial.

Para os veciños este último verquido de Aucosa é motivo suficiente para ordenar o cese da súa actividade

Os veciños cuestionan tamén a actuación dos equipos de Salvamento Marítimo e Gardacostas logo do verquido detectado onte. As embarcacións limitáronse a pasar por riba da mancha en varias ocasións “para tentar disolvela e esparexela pola ría”. Albá entende que deberán dar “unha explicación sobre a súa actuación, xa que non existía ningún análise que puidese corroborar que o verquido non era tóxico”. Lembra que se trata dunha zona de pesca, marisqueo e cría de mexillón dentro da Rede Natura 2000.

Os veciños critican tamén a actuación de Salvamento Marítimo e Gardacostas por esparexer a mancha pola ría

O BNG levará a denuncia ao Parlamento Galego

Tamén desde o BNG denuncian o que consideran unha actuación “imprudente” das lanchas da Xunta de Galicia e Salvamento Marítimo, “que non desenvolveu ningún tipo de operativo anticontaminación para evitar a propagación da mancha”. A formación nacionalista solicitará tanto no Concello de Redondela como no Parlamento Galego “que se identifique aos causantes e se tomen todas as medidas necesarias para depurar responsabilidades”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará