Unha valla colocada na entrada da explanada de Duchess, prohibindo explicitamente o paso tanto a vehículos como a peóns, foi obxecto de indagacións por parte do Concello de Redondela. Trátase do principal acceso ao Museo Meirande, un dos máis importantes recursos culturais do municipio, tanto polo seu valor histórico, como polo enclave natural onde se asenta, zona de protección medioambiental da Rede Natura 2000. Numerosos veciños alertaron ao Concello desta prohibición, motivo polo que desde a Alcaldía de Redondela solicitaron explicacións por este peche á Autoridade Portuaria de Vigo. O organismo portuario explicou que a sinalización e o valado foron colocados “para impedir a presenza de coches que se dedicaban a facer carreiras e derrapaxes”. A Autoridade Portuaria xa confirmou ao Concello, que se “modificarán” os avisos do valado para permitir o paso dos peóns. En todo caso, a alcaldesa Digna Rivas considera que “non é de recibo” que por parte do Porto de Vigo non se dera conta do peche ao Concello de Redondela. O goberno local lembra que a explanada sobre a que o Concello de Redondela e o Porto de Vigo manteñen posturas enfrontadas en canto ao seu uso, “é o principal acceso ao Museo Meirande e, de feito, o único no caso de excursións con autobuses que teñan unha das súas paradas neste importante recurso turístico e histórico de Redondela”.