Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Concentración en Redondela contra a repunta de asasinatos machistas

STOPviolencia

O movemento feminista convocou de urxencia hoxe concentracións en vilas e cidades de todo o país tras a repunta de asasinatos machistas e o achado do corpo da pequena Olivia na costa de Canarias. As Asemblea Feminista Paxaretas confirmou a concentración hoxe ás 21:00 horas na praza da Constitución. “Nin unha menos”, “Patriarcado. Ímolo tirar”, “Se nos tocan a unha, tócannos a todas” son algúns os lemas desta “convocatoria de urxencia”, que se puxo en marcha logo da localización no fondo do mar da menor de seis anos secuestrada en Canarias polo seu pai, e confirmarse o asasinato dunha menor de 17 anos en Martín de la Jara (Sevilla) a mans da súa exparella. Carolina Sertal, da Asemblea Paxaretas, advirte “que non se pode tolerar esta violencia vicaria, na que os pais matan aos menores para facer dano ás nais”.

Carolina Sertal, da Asemblea Feminista Paxaretas

Desde o final do estado de alarma está a rexistrarse unha repunta de feminicidios. A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou a natureza machista dos asasinatos de nove mulleres e un menor, máis da metade de todos os asasinatos perpetrados no 2021. Os datos son arrepiantes: no que vai de ano, 17 mulleres e dous menores foron asasinados en crimes de xénero. Son 1.095 as mulleres vítimas mortais da violencia machista no ámbito da parella desde 2003 e 39 os menores asasinados polos seus pais ou polas parellas ou exparellas das súas nais desde 2013. Nesas estatísticas aínda non figuran a pequena Olivia nin a menor de 17 anos asasinada nunha localidade sevillana. Sertal pide “o apoio da cidadanía para rexeitar a violencia machista e un pulo decidido das administracións para erradicala”.

Lembrar que o teléfono 016 atende todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes. Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará