O deputado do BNG, Néstor Rego, visitou onte Redondela para explicar as iniciativas que o grupo nacionalista está a levar a cabo no Congreso. Entre eles os compromisos acadados para a rebaixa das peaxes na AP-9 e a liberación das portaxes no tramo Vigo-Redondela. “Agora o Goberno do Estado segue sen aclarar como vai levar adiante esta gratuidade, seguimos reclamando que cumpran co acordado e que retiren as peaxes, non podemos pasar por unha solución que obrigue á veciñanza veciñas a utilizar aparellos de tele-peaxe para o pagamento” reivindica Rego. Lembra que o compromiso das rebaixas na autoestrada e a supresión da peaxe en Rande debería terse feito efectiva en xaneiro, coa aprobación dos orzamentos xerais do Estado. O último anuncio do goberno adía os descontos ao mes de agosto. Rego esixe que se fagan efectivos xa, “de anuncios xa estamos un pouco fartos”, sinala.
Por outra banda, destaca o proxecto de humanización do tramo da autoestrada que atravesa a AP-9 por Chapela. Esixen ao Ministerio que realice todas as actuacións pendentes co obxectivo de humanizar o tramo entre Redondela e Vigo. Rexeitan o proxecto de construír pantallas acústicas de formigón. “Débense instalar pantallas acústicas que sexan lixeiras visualmente, que se integren no entorno, non poden servir para dividir aínda máis o barrio” subliña o deputado.
O concelleiro Xoán Carlos González criticou que aínda sen facer todas as obras de reposición e mellora comprometidas, como a ampliación do paso elevado de Trasmañó, a reposición da vía paralela á autoestrada e mesmo o paso peonil elevado no camiño de Mouriño.
Desde o BNG lembran que o obxectivo final é a transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9, e Rego asegurou que seguirá a traballar desde a cámara baixa para “conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”.
O deputado nacionalista tamén salientou a loita do BNG para exixir “unha transición xusta” nos concellos afectados polo fechamento das centrais térmicas e pola revisión do modelo de produción de enerxía. “Apostamos por un modelo de produción enerxética que garanta a preservación do noso territorio fronte ao espolio das grandes multinacionais, tal e como o estamos a ver agora cos múltiples macroproxectos eólicos que ameazan o noso medio natural, o noso mar e o noso patrimonio” sinalou Rego durante a intervención.