Os títeres de Cachirulo enche os escaparates de oito comercios do centro da vila no que é a primeiras das actividades do XXII Festival Internacional de Títeres de Redondela. A venda de entradas de sala e rúa, que xa supera o 50% do aforo vendido, continuará durante esta semana, de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 no Multiúsos da Xunqueira.
A XXII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) bota a andar coa presentación da mostra “35 anos de títeres Cachirulo”, que sae da sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira para encher de monicreques os escaparates de Copy Redondela, Pastelería Filo, Cal-3, Barbería Juan Crespo, Tien-21, AgroRedondela e a Discotasca. Será o Kiosko de Mariona, na Alameda.
Unha viaxe a través das montaxes máis significativas da compañía, na que se poden apreciar obras realizadas con diferentes técnicas: marionetas de fío: “Ubúe no Outeiro” (1985), monicreques de vara inspirados en cadros de Pablo Picasso: “A Bela e a Besta” (1988), bunrakus: “Noite de verán” (1990), sombras chinesas: “Cousas de Castelao” (2003), bonecos de tea: “A Historia do Apalpador” (2009) ou traballos máis recentes como “As Xeneralas da Ullá” (2017) ou “Cronopios” (2019).
Unha homenaxe sentida do Festival a unha das compañías históricas do teatro de monicreques en Galicia, que se poderá descubrir ata o 7 de setembro nas fachadas dos principais locais colaboradores.
Máis do 50% das entradas vendidas
A venda de entradas superou nesta primeira semana o 50% de ocupación nas máis de 40 actividades programadas, chegando incluso a esgotar os pases de rúa do xoves, a cargo de Tanxarina e os rusos de The Fifht Wheel, o de Alauda Teatro o venres ou o de e Uxía Lambona o sábado, entre outros.
As billeteiras volverán abrir a vindeira semana, de luns a venres no Multiúsos da Xunqueira. Para os espectáculos de sala poderanse adquirir na billeteira física ubicada xunto a Churrería de Pepe, en horario de 10:00h a 13:00h e un prezo único de 5€; e para as propostas de rúa, cun prezo simbólico de 1€, poderanse retirar no mostrador do Multiúsos de 10:00h a 14:00h e o tamén o venres, de 17:00h a 20:00h. No mesmo horario, nos exteriores do recinto, poranse á venda as tradicionais camisolas e chapas desta edición do Festival.