A gaiteira galega actuará este domingo 29 de agosto ás 20:30 horas no Peirao de Arcade dentro do programa Musigal 2021. Unha actividade de balde que permitirá aos espectadores gozar coa música desta gran gaiteira galega que conta cun estilo musical propio no que mestura o tradicional dos antigos gaiteiros e gaiteiras, mais incorporando ás veces influencias doutras músicas.
Susana Seivane pertence a unha familia recoñecida dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de Galicia, a familia Seivane. Ten cinco discos editados e acostuma facer xiras anuais polo territorio europeo (Francia, Holanda, España, Escocia, Portugal, Alemaña, Italia…) e americano (Bos Aires, Río da Prata, Estados Unidos).
Este concerto que dará en Soutomaior encádrase dentro do programa “Musigal” 2021 para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra e fomentar ao tempo o uso e a normalización social da lingua galega e a defensa dos valores da igualdade de xénero.