A Concellería de Medio Mariño deu hoxe a coñecer dous informes sobre as labores de recollida de algas nos areais do municipio que confirman que “a retirada de algas se realiza de xeito totalmente manual con forcas e restrelos” utilizando só medios mecánicos para o transporte.
Desmenten así as afirmacións formuladas por AER quen chegou a presentar un rexistro no que solicita que a Xunta investigue unha posible infracción medioambiental por parte da alcaldesa, Digna Rivas, por ter empregado “métodos agresivos como o uso de escavadoras para limpar o areal”.
Dende a alcaldía insisten en que “os medios utilizados antes e despois do traspaso de competencias de Medio Ambiente a Medio Mariño, son exactamente os mesmos, co mesmo método de traballo e a mesma maquinaria que xa entón se utilizaba por parte da Concellería que dirixía Roberto Villar”.
Explican dende o Concello que o informe solicitado pola Concellería de Medio Mariño ao xefe de equipo e coordinador do persoal de praias, sinala textualmente que “dende o inicio do servizo de limpeza de praias, que comezou o pasado mes de xuño, a recollida de algas sempre se fixo da mesma maneira, de forma manual, e coa mesma maquinaria, un tractor propiedade do Concello e vehículos Corvis”.
Digna Rivas chama a atención sobre o feito de que, unha vez que a competencia nesta materia pasa da Concellería de Medio Ambiente á de Medio Mariño “os traballos seguen realizándose exactamente do mesmo xeito e, en ningún caso utilizando escavadoras, como afirma AER”.
O informe explica que “a recollida de algas faise de maneira manual con restrelos e forcas que se utilizan para facer montóns de algas. Estas, posteriormente, son cargadas no cazo do tractor propiedade do Concello e nos vehículos Corvis e transportadas aos contedores de Urbaser para, posteriormente ser levadas polos camións da empresa que xestiona os residuos do Concello”.
Afirma a alcaldesa que o único en que se diferenza a recollida de algas de antes do 17 de xullo –data do cambio de competencias na materia de recollida de algas– e de despois é que, tal e como apunta o informe, “agora se recollen todas as algas sen deixar ningunha no areal sempre que o permitan as mareas nas horas de traballo, xa que a recollida depende das mareas e as algas que non se poden recoller nese momento, recóllense ao día seguinte”.
Doutra banda, a empresa á que a Concellería de Medio Ambiente dirixida por Roberto Villar (AER) encargou no seu momento a retirada de algas logo das primeiras areas vivas, en maio de 2021, sinala que os traballos realizados nese momento na praia e peirao de Cesantes e na praia de Arealonga de Chapela realizáronse de xeito manual e que posteriormente o Concello “mediante medios mecanizados (tractor con pala) levaron os restos aos contedores proporcionados tamén polo Concello”.
De ámbolos dous informes dedúcese, afirma a alcaldesa Digna Rivas, “que os medios utilizados antes e despois do traspaso de competencias de Medio Ambiente a Medio Mariño, son exactamente os mesmos” e “lamenta que por parte de AER pretenda confundirse á cidadanía recorrendo a informacións que, en absoluto, se axustan á realidade e que, queremos crer, débense a unha simple falta de información e non a un intento deliberado de terxiversar os feitos”.
“Somos plenamente conscientes da importancia do noso medio ambiente e da conservación do medio mariño –matiza Digna Rivas–, unha concienciación que ven dada non só polo feito de atoparnos nunha zona de extraordinaria importancia medioambiental incluída na Rede Natura 2000, senón tamén polo feito de que un medioambiente sustentable contribúe ao mantemento da forma de vida de moitas familias que teñen, no medio mariño, o seu sustento”.