A páxina web do concello de Redondela permite ata o vindeiro día 12 participar telematicamente nunha enquisa para elixir os festivos locais do vindeiro 2022. Unha consulta popular promovida polo departamento de Participación Cidadá cando estaba en mans de AER. Dende o PSOE cuestionan esta decisión “unha das últimas da Agrupación de Electores antes de abandonar o goberno local” porque din “contratouse unha empresa para a realización da mesma cando a consulta xa fora realizada no 2020 con medios propios do Concello e sen custe para as arcas municipais”.
O PSOE cuestiona así unha das últimas decisións de AER antes de abandonar o Goberno local e da que aseguran non tiñan coñecemento: contratar unha empresa para que elabore unha páxina web a través da que se poida facer unha enquisa popular sobre os festivos locais.
Algo que entenden “innecesario” tendo en conta que esa mesma enquisa realizouse o ano pasado, con persoal propio do Concello e sen custe engadido para as arcas municipais, sendo os resultados moi claros ao elixir a veciñanza por amplísima maioría que os festivos locais para este 2021 foran o Día da Coca e o luns do Cristo.
Asemella agora, aseguran os socialistas “que os resultados acadados nesa enquisa non foron do agrado de AER –empeñado en que un dos festivos fora o martes de Entroido e o outro o día de San Xoán– polo que decidiu, unilateralmente, contratar a unha empresa para repetir a consulta cun gasto de 1.391,50 euros”.
O Grupo Municipal Socialista aclara que, agora, o Concello de Redondela terá que facer fronte a un gasto “tan absurdo como innecesario” ao estar o contrato coa empresa xa formalizado. O PSOE reafirma a necesidade de fomentar a participación cidadá “é habilitar as canles necesarias para que dita participación sexa efectiva”.
Nese sentido insiste en que os obxectivos de “consultar á cidadanía sobre as festividades locais, foron perfectamente cumpridos o pasado ano”.
Polo tanto, conclúen as e os socialistas, “a proposta que levaremos ao Pleno da Corporación sobre os festivos locais do 2022, será a de respectar as festividades que a veciñanza, por amplísima maioría, elixiu no seu momento: o Xoves da Coca e o Luns do Cristo”.