Sorpresa a que se vivía a última hora do pleno de onte cando o apoio dos concelleiros socialistas facían posible que unha moción do PP saíra adiante malia que ao longo do debate todo facía prever que sería rexeitada. A proposta, defendida pola popular Carmen Amoedo, solicita trasladar a Ministra de transportes, Raquel Sánchez, a total repulsa da corporación de Redondela pola decisión de non retirar a peaxe en Rande tal e como recoñecía en prensa o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, ao afirmar que non está nos plans do goberno eliminar dita peaxe a todos os usuarios. A moción tamén pedía convocar unha reunión cos colectivos sociais e veciñais para consensuar medidas de presión para reclamar esta gratuidade.
Ao longo do debate a voceira do PP tivo que escoitar críticas por presentar unha moción que en palabras do BNG “só busca sacar tallada política dunha información aparecida en prensa” e lle afeaba que durante anos non fixeran nada para eliminar esa peaxe cando “o BNG si foi quen de levar esa liberalización a unha negociación no acordo de investidura de Sánchez”. Criticaba que o PSOE non estea cumprindo ese acordo “porque é unha cuestión de dereito para Redondela” pero rexeitaba apoiar a moción por tratarse dunha solicitude oportunista.
Tamén en contra se manifestaban dende AER que volvía lembran que a súa postura é a favor de eliminar a peaxe pero non cun pago na sombra enriquecendo a unha empresa como Audasa que xa ten beneficios dabondo.
Pola súa banda, o socialista Alberto Alvarez criticaba aos populares “por traer estee tipo de mocións cando a Xunta de Galicia non predicara co exemplo nas autoestradas autonómica e non se aporta dende o goberno galego nin un so euro para abaratar as peaxes da AP-9”.
Unhas críticas de todos os partidos que Amoedo entendía era unha negativa a apoiar a súa proposta e contestaba a todos os grupos que a súa postura demostra que “non lles importa Redondela”.
A sorpresa chegaría coa votación, ao atoparse os populares co voto a favor do grupo de goberno, saíndo a moción adiante cos votos en contra de AER e BNG.