Un feito que deixaría sen efecto o requirimento da Xunta no que se insta ao concello a que, na maior brevidade, proceda a adoptar as medidas necesarias para paralizar os labores de limpeza mecánica e extracción de algas das praias de Cesantes e A Punta. Insisten dende o goberno que só se recorre aos medios mecánicos –remolque- para o transporte das algas e lémbranlle a Agrupación de Electores que a autorización que lles reclaman dende Medio Ambiente debía ter sido tramitada polo anterior responsable desta área, Roberto Villar.
O Goberno local lamentou hoxe que AER teña que recorrer á “utilización tendenciosa e terxiversada” dun requirimento da Xunta sobre a recollida de algas no municipio no que, segundo a Agrupación de Electores, a administración autonómica “ordena a paralización da recollida de algas por medios mecánicos” nos areais de Redondela.
Non deixa de ser curioso que no seu escrito, afirma o Goberno local redondelán, “a Agrupación de Electores non faga mención que o que pide a administración autonómica é que o Concello obteña a correspondente autorización para esa labor “autorización que non foi solicitada polo anterior concelleiro de AER, Roberto Villar cando iniciou as labores de retirada de algas” e tenten desviar a atención sobre outros aspectos dun requirimento “froito dunha denuncia realizada polo propio Roberto Villa cando aínda era concelleiro de Medio Ambiente” nunha actuación que é cualificada polo Goberno local socialista como “un tanto estrambótica, denunciando ao Goberno do que formaba parte como concelleiro e tentando tapar a súa irresponsabilidade ao non ter solicitado o correspondente permiso”, asegura o Goberno.
No que ao sistema de recollida fai referencia, o requirimento da Xunta conmina ao Concello “para que, a maior brevidade, proceda a adoptar as medidas necesarias para paralizar os labores de limpeza mecánica e extracción de algas das praias de Cesantes e A Punta”, algo que quedaría sen efecto xa que o sistema de traballo que desenvolve o Concello “utiliza os mesmos medios de recollida empregados pola anterior concellería (AER) con medios manuais como angazos e forcas e recorrendo aos medios mecánicos –remolque– só para o transporte”.
Insisten dende o Concello que conscientes da importancia de preservar a biodiversidade da especial protección que precisa unha zona incluída na Rede Natura 2000, optouse por seguir coa limpeza manual con angazos e forcas exactamente igual que como a realizaba á anterior Concellería de Medio Ambiente en lugar de recorrer a medios mecánicos aínda que estes foran autorizados.
Ante o requirimento da Xunta o Concello remitiu informes que demostran que, en ningún momento, se está a utilizar maquinaria pesada tal e como afirma AER, senón que se utilizan exactamente o mesmo sistema de traballo que o utilizado polo anterior concelleiro de Medio Ambiente coa salvedade que se recolle a totalidade das algas “como se fai en todos os concellos costeiros durante a época estival para que a veciñanza poida aproveitar os poucos días de praia que temos durante o verán”.
Do mesmo xeito, o Concello subliña no escrito remitido á Xunta que “se por esa Xefatura Territorial, á vista da documentación que remitimos, se considera que debe ser solicitada autorización expresa para as labores que se están a realizar procederemos á súa inmediata solicitude”.