O Concello de Redondela en colaboración coa Asociación Érguete poñen en marcha un programa de prevención das adiccións en menores que neste curso centrará as súas accións na prevención das adiccións ao xogo online e as apostas deportivas. Unhas adicións que, segundo os expertos, van en aumento nos últimos anos (a industria do xogo online crece un 25% cada ano) e ten entre os seus clientes a moitos adolescentes.
Por ese motivo, as formacións que se van impartir este ano nos centros educativos xiran, entre outros, nas apostas deportivas e no xogo online. Os programas estarán destinados tanto ao alumnado como ó profesorado dos distintos centros educativos do Concello e seguirase traballando coas familias en diferentes charlas que se impartirán ao longo do curso.
A colaboración entre Concello e Érguete co financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia vense desenvolvendo nos últimos anos co obxecto de traballar na prevención das diferentes adiccións, como o consumo de alcol ou das drogas. Só no último curso máis de 300 menores e as súas familias participaron neste programa.
A alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Educación, Olga García, e a edil de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, reuníanse coa coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, e a responsable da Oficina Técnica de Prevención de Érguete, Laura Durán, para analizar resultados e planificar as accións a realizar durante este novo curso.