Na presentación participaron as concelleiras de Cultura, Iria Vilaboa, e de Turismo, María Castro, xunto á alcaldesa Digna Rivas
A Asociación Cultural de Deportiva de Rande e o Concello de Redondela preparan a conmemoración do 319 aniversario da contenda naval con actividades tanto na vila de Redondela como nas inmediacións do museo Meirande. Será os días 16, 23 e 24 de outubro.
Con moitas gañas e a esperanza de poder facer unha celebración “máis ampla” que o ano pasado grazas á desescalada nas restricións da Covid, esta mañá presentouse o VIII Acto de Conmemoración da Batalla de Rande. Unha cita para lembrar a histórica batalla que enfrontou á frota franco-española con outra anglo-holandesa o 23 de outubro de 1702. Serán tres días de actividades e representacións, o sábado 16 de outubro na vila de Redondela con escenificacións itinerantes, e os días 23 e 24 nas inmediacións do Meirande. Na posta en escena da batalla participan medio cento de veciños de todas as idades, que dan vida aos personaxes protagonistas da contenda naval, e tamén ao pobo redondelán da época. A Asociación Deportiva e Cultural de Rande prepara novos personaxes para eta edición. Sen querer desvelar as “sorpresas” que a organización prepara para esta edición, a mestra de teatro María Torres adiantou que se introducirán escenas “máis cómicas” na representación, que correrán a cargo de campesiños.
O nenos teñen a súa propia representación, na que participan unha ducia de rapaces de entre 6 e 15 anos, como explica Torres.
Cetrería e visitas guiadas en barco
Haberá novidades na programación deste ano, segundo adiantou a alcaldesa de Redondela Digna Rivas, quen agradeceu tamén o traballo da veciñanza “para facer posible este evento”. Os actos incluirán unha exhibición de cetrería coas aguias de Valporquero e visitas guiadas en barco “para que o público poida coñecer o escenario da batalla naval”.
Desde a directiva da asociación, Elvira Barcia agradeceu a colaboración do Concello para a celebración deste evento, e tamén a implicación da veciñanza “que traballa durante meses para preparar as representacións”. Confiou en que este ano a relaxación das medidas Covid permitan ampliar a celebración e animou a veciños e turistas a achegarse a esta festa de conmemoración.
Nos vindeiros días darán a coñecer en detalle toda a programación e os horarios. A entrada é de balde, pero será preciso retirar os billetes previamente para controlar o aforo. Poderán recollerse na Oficina de Turismo de Redondela e no propio Museo Meirande, ademais de reservarse algunhas entradas para as propias xornadas dos eventos.