Terceira Nacional
O CD Choco 0-1 Ourense CF pola mínima
Un gol de Amin no minuto 8 foi suficiente para que o Ourense levase os 3 puntos de Santa Mariña. O Club Deportivo Choco saltaba ao terreo de xogo despois de dúas xornadas sen xogar, por adiamento e descanso. Os ourensáns chegaban con fame de goles, xa que aínda non gañaran ningún encontro nesta tempada. Cunha presión alta, impedían o xogo dos choqueiros, dominando o balón e polo tanto, o partido. Avisaría xa nos primeiros instantes do partido cun balón que finalmente despexa Cortegoso, pero no minuto 8 non perdoarían tras un fallo defensivo do CD Choco que aproveitou Amin para adiantar aos seus. Co 0-1 no marcador, a tónica do partido continuou sendo a mesma, sen a penas aproximacións de perigo por parte dos locais, cuxas ocasións chegarían a balón parado, de córner e de falta. Antes do descanso, Cortegoso salvaría aos seus de ir ao vestiario cunha vantaxe a 2 tras unha moi boa parada. A segunda parte comezaba cun Choco máis metido no partido, con máis de posesión de balón. Seguiron buscando ocasións que lle outorgasen o empate pero o rival repregouse e saía á contra, polo que non llo puxo fácil aos de Juan Amoedo e o marcador non se moveu durante os últimos 45 minutos da segunda parte. Na próxima xornada teñen unha complicada saída a terras coruñesas, para medirse ao Deportivo Fabril un dos equipos líderes na táboa.
Club Deportivo Choco: David Cortegos (p), Ronald, Chata, Pedro Pérez, Alberto Suárez, Comis, Caloi, Félix, Álex Pérez, Kopa e Torres. Tamén xogaron Berni, Rancaño, Hugo Sanmartin e Jorge Maceira.
Ourense C.F: Marqueta (p), Hugo Sanz, Tafa Kanteh, Toño Vázquez, Amin, Jerín, Iker Furtado, Ces Cotos, William Pereira, Nacho Fariña e Gabri Palmás. Tamén xogaron Rogelio, Isra Pérez, Yosu e Carlos López.
Goles: 0-1 Amin (8′)