Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O goberno investirá un millón de euros na reforma da Avenida de Redondela en Chapela

avenida chapela

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana (Mitma) comunicou ao Concello o inicio dos traballos de redacción do proxecto de reordenación de accesos e adecuación das marxes da Avenida de Chapela, na N-552 o que suporá unha reforma integral desta vía. A noticia foi acollida con satisfacción pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ao “darse cumprimento a unha demanda histórica da veciñanza de Chapela e que para o Concello era un tema prioritario”.

A actuación incluirá o acondicionamento das distintas interseccións do vial, a reparación da pasarela peonil situada fronte ao instituto e o tratamento das marxe para completar e mellorar as beirarrúas. O investimento estimado ascendería a un millón de euros.

A reparación integral deste vial, unha débeda histórica coa veciñanza de Chapela, fora cualificada pola alcaldesa Digna Rivas como “demanda irrenunciable” na reunión telemática mantida o pasado mes de marzo co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma).

Rivas quixo agradecer ao secretario xeral de Infraestruturas do Mitma, Sergio Vázquez Torrón, e ao Ministerio “a rapidez para dar resposta ás xestións que, dende o primeiro momento realizamos dende o Concello para dar solución a unha reclamación de hai anos das veciñas e veciños”.

En todo caso, engade a alcaldesa redondelá, o Goberno local continuará demandando do Ministerio “a necesidade de resarcir á Chapela de todos os prexuízos ocasionados pola AP9”.

Asociación de afectados

Un anuncio que chega logo de que no pasado pleno municipal a Asociación de Afectados pola AP-9 presentara unha solicitude reclamando a convocatoria urxente da comisión de seguimento das obras. Unha comisión que, segundo explicaba nos nosos micrófonos o seu presidente, Rafael Baltasar, leva sete meses sen reunise. Un dos asuntos que entendían debían ser abordado nesa xuntanza sería a situación da adenda que inclúe, entre outras cuestións, as obras que o Ministerio anuncia agora así como a ampliación da Ponte da Trasmañó ou a instalación de pantallas acústicas para minimizar o ruído que padecen os veciños que viven máis próximos a autoestrada así como o alumnado do Instituto.

Rafael Baltasar, presidente asociación afectados pola AP-9

Un colectivo que amosa tamén o seu malestar pola situación da peaxe dende que se aprobara a eliminación deste pago en Rande exclusivamente para aqueles condutores que realicen o mesmo traxecto de ida e volta no prazo de 24 horas e que sexan usuarios de telepeaxe. Unhas condicións que cualifican de “tomadura de pelo” e que non benefician practicamente a ningún veciño da parroquia.

Malestar pola non liberalización da peaxe en Rande
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará