O Servizo Municipal de Accesibilidade en Lingua de Signos posto en marcha recentemente polo Concello de Redondela a través da Concellería de Servizos Sociais dentro da súa aposta pola integración das persoas xordas e xordocegas, vén de ofertar un curso en liña de iniciación á Lingua de Signos (Nivel A1.1).
A actividade, que será online é totalmente de balde, terá unha duración total de 30 horas das que 24 terán a condición de sesións lectivas grupais en directo e as seis horas restantes serán de actividades individuais obrigatorias e titorías. O número máximo de participantes por aula é de 14.
Para poder participar, as interesadas e interesados deberán ser maiores de 18 anos, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Redondela. A actividade desenvolverase os martes e xoves e 19:00 h a 21:00 horas comezando o día 21 de ou-tubro para seguir o 26 e 28 de outubro e o 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de novembro.
As persoas participantes deberán comprometerse a asistir, como mínimo, ao 80 % das sesións de formación recibindo, as que cumpran o requisito mínimo de asistencia e realicen as actividades propostas polos docentes, un certificado de asistencia. No caso de que a avaliación continua realizada polos docentes se entenda superada, se entregará certificado de aptitude.
Ao ser unha lingua visual é obrigatorio conectarse coa cámara acesa para poder participar nesta formación.
Para inscribirse as persoas interesadas deberán presentar unha solicitude no rexistro xeral do Concello de Redondela, ata o luns 18 de outubro, dirixida á Concellería de Servizos Sociais onde indicará os datos persoais e de contacto. As prazas serán adxudicadas por estrita orde de inscrición.