A deputada Leticia Gallego visitou onte Redondela e, acompañada pola alcaldesa Digna Rivas, acudiu ao Centro de Saúde da vila para denunciar “a falta de planificación da Xunta de Galicia en materia sanitaria”, o que supuxo que o ambulatorio deste municipio estivese “case todo o ano sen cinco médicos”. Acusou ao Sergas de empregar “parches” e de privar aos veciños dunha sanidade pública “de calidade”. A deputada autonómica lembrou tamén que os centros de Redondela e Chapela “levan tamén todo o ano sen xefe de servizo”.
A rexedora local cualificou de “vergoña” que o Sergas só cubrise as vacantes dos cinco médicos “despois de que o Concello denunciase a situación nos medios de comunicación” e demandou tamén o nomeamento do xefe de servizo “canto antes”. Rivas denunciou que a falta de previsión por parte da Xunta de Galicia “supón unha merma nos dereitos dos veciños” que durante a pandemia “cando máis necesitaban un servizo sanitario próximo non o tiñan”. No caso do PAC de Redondela a falta de médicos non afecta só aos veciños deste municipio, senón tamén aos de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. A alcaldesa advertiu que a sanidade debería ser “unha prioridade” para o goberno galego “e non está a ser así”.
A alcaldesa advertiu tamén que a falta de médicos e pediatras leva aos veciños a ter que desprazarse ás urxencias de Vigo “o que colapsa o servizo”.