Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O pasado reaparece na Praza de Ponteareas

muro praza ponteareas

As obras de humanización na Praza de Ponteareas sacan á luz restos do muro de contención da praza, un muro continuación da ponte histórica coñecida como A Marca do Rei, que transcorre sobre o Maceiras, datada nos inicios do século XIX. Non se desbota que conforme avancen as obras aparezan outros restos máis salientables e susceptibles de conservación como tumbas asociadas ao Convento das Xustinianas.

Rebumbio onte entre traballadores e veciños da Praza de Ponteareas cando os operarios que traballan no proxecto de humanización da zona atopaban nas súas escavacións parte dun muro de contención do ano 1807.

Unha construción cuxa aparición no sorprendía ao arqueólogo Xurxo Constela, quen foi o encargado de facer un estudio histórico previo a ditas obras, estudo obrigado por atoparse esa actuación próxima a un edificio salientable como é o Convento e a outros elementos do patrimonio como o cruceiro ou a fonte así como por formar parte do traxecto do camiño de Santiago.

Entre os elementos significativos xa catalogados estaría a Ponte do Rei datada no ano 1807 segundo se recolle nos paneis da propia estrutura. Sae agora á luz parte do muro de contención que sería continuación da propia ponte sobre o Maceiras.

Explica Constela que se vai proceder a localizar todo o muro ao longo da praza para afectarlle o menos posible “non se trata dun elemento de gran relevancia, porque é un muro de contención de época contemporánea, pero si se vai tentar adaptar o proxecto para deixar algún tramo deste muro a vista, xa que se trata dun elemento que, en definitiva, fala da historia recente de Redondela”.

Xurxo Constela, arqueólogo

Tamén durante as escavacións destes días atopáronse restos de cerámica de principios do século XIX.  Con todo, as zonas máis sensibles son aquelas arredor do Convento onde non se descarta que aparezan restos de tumbas no lugar no que a praza conflúe coa estrada do Muro.

Non se descartan outros achádegos

Salienta Constela a importancia do seguimento arqueolóxico nestas obras por tratarse Redondela dunha das vilas máis antigas de toda a contorna e, polo tanto, cun potencial arqueolóxico moi forte.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará