A Concellería de Cultura de Redondela vén de presentar a programación cultural para os vindeiros catro meses na que se inclúe o IV ciclo de teatro infantil e o ciclo Vive o teatro con entradas rebaixadas a un prezo único de 3 euros “para volver encher os auditorios”. Unha programación que recupera o programa Humor na súa tinta con coñecidos humoristas como El Sevilla ou Xavier Deltell e na que se incluen tamén propostas musicais para todos os públicos (Antonio Barros, Desertores, As Efémeras ou Uxía Lambona, entre outros).
A nova Concelleira de Cultura, Iria Vilaboa presentou a programación cultural dos vindeiros catro meses, dende outubro a febreiro, “unha programación variada e para todos os públicos e que, nas datas do Nadal, prestará especial atención ás actividades infantís”.
O teatro, tanto para adultos como infantil, terá un espazo destacado na programación cultural e, para volver a encher os auditorios, aposta pola rebaixa de prezos das entradas que pasarán a custar 3 € en lugar dos 5 ou 7 euros que custaban en anos pasados. “Rebaixamos o prezo e mantemos a calidade –asegura a reponsable de Cultura– Redondela sempre tivo tradición de teatro e nós poñemos o noso gran de area para que a veciñanza poida volver gozar dunha das máis atractivas formas de expresión creativa”.
Os máis pequenos poderán gozar co IV Ciclo de Teatro, un ciclo do que Iria Vilaboa destacou especialmente a estrea da produción de Tanxarina, A Cazola de Lola que se poderá ver o 23 de outubro con dúas función, ás 17:00 e 19:30 horas no auditorio da Xunqueira.
“As fillas Bravas de Momán” de Chévere Producións abrirá o Ciclo de teatro de adultos o 30 de outubro. “O candil, un musical” da Escola Galega de teatro musical, “O que hai que ver” de Fulano, Mengano e Citano e “A parábola do Angazo” de Talía Teatro completan unha programación que se vai desenvolver no Multiúsos cunha representación mensual.
Explicaba tamén a edil que durante a pandemia, “na que a actividade cultural de todos os concellos baixou a mínimos nunca antes coñecidos, o Goberno local na vez de suspender a programación cultural decidía posponer as actuacións”. Neste sentido recupérase agora o ciclo de monólogos Humor na súa tinta coas actuacións que no seu momento foron aprazadas: El Sevilla, Beatriz Rico, Rafa Maza e Xavier Deltell, disfrazarán de humor e ironía situacións reais, e non tan reais, nunha actividade que sempre contou co apoio do público.
Inclúese tamén neste programa as actuacións musicais “cunha aposta clara polos grupos e artistas locais” coa presentación do novo disco das Efémeras pero tamén con outras formacións próximas como o grupo vigués Desertores que presentarán un concerto homenaxe a Xela Arias e os boleros e baladas de Antonio Barros con Ialma.
A rapazada terá tamen música e diversión a cargo de Troula Animación, con Uxía Lambona ou Paco Nogueiras con Radio Bulebule.
VIlaboa non quixo esquecer outras proposta incluidas nesta programación: a celebración da VIII Batalla de Rande, “a conmemoración dun feito histórico do que foi testemuña a nosa enseada e que se celebrará os días 16, 23 e 24 de outubro organizado pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande co apoio do Concello”.