Grazas á vitoria no derbi redondelán ante o Chapela, a SAR Plastic Omnium recibiu un balón de osíxeno. Foi a primeira vitoria para o equipo que adestra Moncho Pazos, que comezou a temporada “con incertezas en canto aos resultados, pero con moi bo traballo dos xogadores”. O técnico salienta “o gran compromiso do equipo”, conformado na súa maioría por rapaces moi novos, e apunta á permanencia como obxectivo claro para esta temporada.
Os pupilos de Pazos son rapaces moi novos da canteira da SAR, aos que se suman os xogadores cedidos polo convenio do Cisne “que acaban de saír de xuvenís”. O seu traballo, sumado á veteranía dos xogadores con máis experiencia, conforma un equipo que se consolida xornada tras xornada.
Este sábado a SAR Plastic Omnium repite como local, recibe no pavillón da Bomboneira ao Automanía Luceros. O filial do Morrazo é un rival de características semellantes ao equipo redondelán, segundo explica Pazos. Medíronse dúas veces na pretemporada, cunha vitoria para cada un, polo que o técnico augura que o partido vaise decidir “por pequenos detalles, en función do que cometa menos erros”.
O partido será o sábado ás 18.30 horas. O aforo é limitado e os afeccionados que queiran presenciar o encontro poderán facelo reservando a súa entrada a través do whatsapp no número 620 23 10 51.
Pola súa banda o Balonmán Chapela recibe o sábado ao BM Reconquista no pavillón Manuel González Soto ás 18.30. Reserva de entradas no teléfono 661 493 235