A escola infantil de Soutomaior, a Galiña Azul de Arcade, vén de estrear unha nova cuberta retráctil para o patio exterior do centro. Unha mellora solicitada pola dirección do centro a instancia dos pais que permitirá que os pequenos estean protexidos da climatoloxía durante os seus recreos e actividades fose da aula. A mellora foi visitada polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera.
Os novos toldos contan cunhas dimensións conxuntas de máis de 25 metros cadrados e permitirá cubrir o patio de xogos case por completo, protexendo aos pequenos tanto da choiva no inverno como do sol intenso na primavera. A cuberta conta con dous motores eléctricos que simplifican o despregamento e recollida dos toldos e ademais dispón dun armazón metálico que garante o seu robustez e fiabilidade.
Durante a visita, Reguera lembrou que os 36 alumnos que ten de capacidade esta escola infantil poderán acceder a ela de forma totalmente gratuíta grazas á última medida adoptada pola Xunta a partir do próximo curso.
Pola súa banda, Perfecto Rodríguez explicou que a finalidade desta intervención é, como todas as que sufraga o Consorcio, seguir mellorando e mantendo en bo estado a rede de escolas públicas autonómicas, xa que “o noso obxectivo é que as familias teñan á súa disposición unhas instalacións o máis cómodas e da maior calidade posibles”.