Logo de toda unha vida vinculada ao club redondelán, Verónica Posada deu esta temporada o salto como adestradora do primeiro equipo feminino. Coñece ben o conxunto de Honra Prata, xa que nos últimos anos Posada xa formaba parte do corpo técnico que ata agora dirixía Elisardo Covelo “Chini”. A esixencia desta categoría obrigouna a deixar outras responsabilidades que tiña na SAR, como a coordinación das categorías inferiores que levaba nas últimas campañas.
Logo e 9 xornadas o equipo suma 6 puntos con dúas vitorias e dous empates, o último a pasada xornada ante o Siero en Redondela. A técnica lamenta que esta temporada teñen un cadro de xogadores “moi curtiño”, polo que contan con ata 5 xuvenís para poder traballar nos adestramentos “e iso impídenos traballar nas mellores condicións durante a semana”. Trátase dunha categoría moi esixente, con longos desprazamentos e moita competitividade, pero as xogadoras non son profesionais “e teñen as súas obrigas de estudos ou laborais”. Polo de agora o equipo está a cumprir co obxectivo da permanencia, e a adestradora está satisfeita co rendemento e o compromiso das xogadoras.
Esta semana preparan o encontro que as medirá o sábado ao Puerto del Carmen, en Lanzarote. Será un desprazamento complicado, xa que viaxan en avión desde Santiago o mesmo día. Vero advirte que será un rival duro, xa que se trata dun equipo que acaba de descender. Con todo, confía en facer un bo papel en Canarias, xa que cando teñen un partido difícil “o equipo sae con máis gañas e máis centrado”
A cita é o sábado 20 ás 20.00 horas no pavillón municipal de Tías.