As Bibliotecas súmanse ás conmemoracións do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a muller e organizan un contacontos-obradoiro a cargo da profesora Jessica Rodríguez que se desenvolverá en Redondela este xoves 25 e en Chapela o xoves día 2 de decembro.
“É necesario rachar os estereotipos que existen en canto as parellas e traballar a autoestima xa dende as idades máis temperás”, así o entende Jessica Rodríguez Piñeiro, autora do album ilustrado “Peúgo, o calcetín melenudo” e encargada da actividade que se vai desenvolver nas bibliotecas de Redondela e Chapela co gallo da conmemoración do 25N.
Unha actividade composta pola presentación, contacontos e taller ao redor deste conto, no que se trata de xeito sutil o tema da violencia de xénero a través da personaxe dun calcetín e a súa confidente, a lavadora Ramona.
Unha proposta divertida ao tempo que didáctica na que a mestra do CEIP Plurilíngüe de Cedeira, nominada en dúas ocasións aos premios Educa Mellor Docente de España, presenta ao protgonista do seu libro, Peúgo, unha personaxe que “se quere e se valora, e non vai permitir que ninguén lle diga como vivir”, trasladando así aos cativos a necesidade de que as relacións se basen no respeto.
Un álbum, ilustrado por Victoria Rem e apto para todas as idades, pero que se centrará en diferentes aspectos nos dous obradoiros que se van desenvolver nas bibliotecas. Así, o do día 25 de novembro na biblioteca Valle Inclán de Redondela está orientado a rapazada de 6 a 9 anos mentres que o de Chapela, o día 2 de decembro, está pensado para nenos e nenas de 3 a 6. En ambos os dous casos serán as 18:30 horas e precisan de inscrición previa.